IXP PATACA DE GALICIA 2024

A IXP Pataca de Galicia extrae un balance moi positivo de Alimagro 2023

Entre o venres 1 e o domingo 3 de setembro tivo lugar no Pavillón Polideportivo de Xinzo de Limia a IV Edición da Feira do Agro da Limia, Alimagro, na que a Indicación Xeográfica Protexida de Pataca de Galicia contou cun stand propio. O primeiro día celebrouse a Xornada Técnica da Pataca na Casa da Cultura, na que participou o presidente do Consello Regulador da IXP, José Manuel Gómez.

Ao longo da fin de semana, os asistentes puideron desfrutar dun programa no que se puxo en valor a agricultura da comarca. A Indicación Xeográfica contou co seu stand, onde todos os visitantes consultaron información sobre as tres variedades que representan: a Kennebec, a Agria e a Fina de Carballo.

Na xornada do venres, o presidente da mesma participou na mesa redonda Novos retos para o sector da pataca, e na que tamén interviron o Conselleiro de Medio Rural José González Vázquez, o representante sindical Roberto García González, o representante dunha empresa envasadora Juan Manuel Coello, o representante dunha cooperativa portuguesa Daniel Alves e a agricultora Mónica Míguez Bolaño. O acto contou coa moderación de Máximo Gómez.

Grazas ao patrocinio da IXP Pan de Cea, ese mesmo día ás 13:00, no stand de Pataca de Galicia no Pavillón, Víctor Burgos cociñou en directo diversas elaboracións con produtos galegos con indicativo de calidade. Ás 13:30, tivo lugar a degustación das mesmas, acompañadas dun mariñado con viños das Denominacións de Orixe Monterrei e Ribeiro. A partir das 19:00, os produtores, operadores e a industria presentes en Alimagro ofertaron de novo a degustación do tubérculo producido baixo o selo.

O sábado, ante unha gran expectación do público, elaborouse a tortilla de pataca máis grande da Limia, con 300 kilogramos de pataca de Galicia producida baixo o noso selo.

A IXP de Pataca de Galicia extrae un balance moi positivo desta IV Edición, e agarda con moita motivación a seguinte, na que seguirán a defender o marabilloso tubérculo galego.