IXP PATACA DE GALICIA 2024

Envases Autorizados

O envasado e a etiquetaxe de pataca protexida deberán ser realizados exclusivamente en instalacións con condicións axeitadas situadas dentro da área de produción e inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador, perdendo a pataca, no caso contrario, o dereito ao uso da indicación xeográfica.

  • Tódolos modelos de envases serán aprobados polo Pleno do Consello Regulador con carácter previo á súa utilización comercial e non poderán ser utilizados para ningún outro fin.
  • O acondicionamento, manipulación e envasado das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica deberá realizarse separadamente, de xeito que non poida existir confusión, á hora do seu procesado, con outras patacas non amparadas.
  • Con carácter previo ao envasado é necesario realizar a selección, de xeito que se cumpran as características do produto establecidas no artigo 5.
  • A pataca de consumo amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberá comercializarse en envases novos, limpos e de material axeitado para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do produto, e cumprir coas normas de etiquetaxe vixentes, así como o establecido neste regulamento e na documentación técnica de certificación do Consello Regulador recollida no Manual de calidade.
  • Tódolos envases autorizados polo Consello Regulador serán os que permitan un contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg de tubérculos. Excepcionalmente, logo de solicitude ao respecto, poderase autorizar o uso de envases de 20 e 25 kg para o seu emprego con destino á restauración, hostalería e outras colectividades que así o demanden.
  • O contido de cada envase debe ser homoxéneo en canto a características e calibre, formando lotes en función da súa procedencia e envasado.
  • As patacas amparadas con destino a produto transformado, non necesitaran ir en ningún tipo de envase, podéndose comercializar a granel, identificando en cada momento o lote do que procede, reflectido na factura, albarán ou documento acreditativo que emita a empresa transformadora para poder seguir a trazabilidade das patacas.

Os envases das patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida levarán unha contraetiqueta codificada que incluirá o logotipo da denominación que figura no anexo deste regulamento. Esta contraetiqueta será controlada, subministrada e expedida polo Consello Regulador, de acordo coas normas establecidas no Manual de Calidade. O dito distintivo será colocado, ou estará impreso no envase, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

As etiquetas das patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

  • Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada planta envasadora, utilizadas nas patacas amparadas, debe figurar obrigatoriamente e de forma destacada, como mínimo nun terzo da cara principal do envase, o logotipo da denominación e a mención Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, e o identificador europeo das indicacións xeográficas protexidas, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.
  • Nos envases destinados a comercialización de pataca amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberase indicar de maneira clara e visible cal é a variedade envasada.
  • No caso de envasado por encargo, deberá figurar sempre o nome ou razón social da planta envasadora. Non se admite, para as patacas protexidas por esta indicación xeográfica protexida, a súa substitución polo número de rexistro da planta envasadora.