IXP PATACA DE GALICIA 2024

A Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia participará en Alimagro 2023

Entre o venres 1 e o domingo 3 de setembro terá lugar no Pavillón Polideportivo de Xinzo de Limia a IV Edición da Feira do Agro da Limia, Alimagro, na que a Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia terá presencia cun stand propio. O primeiro día celebrarase a Xornada Técnica da Pataca na Casa da Cultura, na que participará o presidente do Consello Regulador da IXP, José Manuel Gómez.

Ao longo da fin de semana, os asistentes poderán desfrutar dun programa no que se porá en valor a agricultura da comarca. A Indicación Xeográfica contará co seu stand, onde todos os visitantes poderán consultar información sobre as tres variedades que representan: a Kennebec, a Agria e a Fina de Carballo.

Na xornada do venres, participará o presidente da mesma na mesa redonda Novos retos para o sector da pataca, e na que tamén intervirán o Conselleiro de Medio Rural José González Vázquez, o representante sindical Roberto García González, o representante dunha empresa envasadora Juan Manuel Coello, o representante dunha cooperativa portuguesa Daniel Alves e a agricultora Mónica Míguez Bolaño. O acto contará coa moderación de Máximo Gómez.

Grazas ao patrocinio da IXP Pan de Cea, ese mesmo día ás 13:00, no stand de Pataca de Galicia no Pavillón, Víctor Burgos cociñará en directo diversas elaboracións con produtos galegos con indicativo de calidade. Ás 13:30, terá lugar a degustación das mesmas, acompañadas dun mariñado con viños das Denominacións de Orixe Monterrei e Ribeiro. A partir das 19:00, os produtores, operadores e a industria presentes en Alimagro ofertarán de novo a degustación do tubérculo producido baixo o selo.

DATOS DE LOCALIZACIÓN

  • Acto: IV Feira do Agro da Limia
  • Datas: Do venres 1 ao 3 de setembro do 2023
  • Localización: Pavillón Polideportivo, Dous de Maio, s/n, 32630, Xinzo de Limia, Ourense, Galicia, España