O produto amparado pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia son tubérculos da especie Solanum tuberosum L destinados ao consumo humano que cumpren os requisitos esixidos por este regulamento, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.
2. As patacas deberán ter o aspecto varietal característico. Serán patacas enteiras e exentas de ablacións ou golpes, sas, limpas e coa pel ben formada, firmes e sen xermolar, exentas de defectos externos, manchas, feridas, deformacións ou coloracións, humidade adecuada e sen sabores ou olores estraños
3. As características morfolóxicas e a súa cor varían en función da variedade de que se trate, como se resume na seguinte táboa:
Variedade | Kennebec | Agria | Fina de Carballo |
Forma | Redonda a oval | Oval alongada | Redondeada |
Ollos | Moi superficiais | Moi superficiais | Profundos |
Cor da pel | Amarela clara | Amarela | Amarela clara |
Cor da carne | Branca | Amarela | Branca |
4. Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por una textura firme ao tacto e cremosa ao seren cocidas, consistente en boca. A súa calidade para o consumo é excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñadas.
5. As patacas deberán ter un calibre mínimo de 35 mm. Con todo, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación “pataca miúda fóra de calibre”, ou outra designación de venda equivalente.
A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.
O calibre virá dado pola lonxitude en mm ao lado da retícula dunha malla cadrada, pola que de forma natural e máis axustada poidan pasar os tubérculos.
6. As características analíticas das patacas protexidas son:
– Contido en materia seca: superior ao 18%.
– Contido en azucres redutores: inferior ao 0,4%.
7. Para o control do cumprimento das características recollidas neste artigo admitiranse as tolerancias que en cada momento estableza a normativa sobre calidade comercial das patacas de consumo.